luns, 12 de maio de 2014

Web da CGNEDL sobre Díaz Castro

Por quinto ano consecutivo a Coordinadora Galega de ENDL achéganos un completísimo portal con recursos, actividades e noticias sobre a figura homenaxeada no Día das Letras. Lembremos que xa o fixo así nos anos 2010 ( Uxío Novoneyra) , 2011 (Lois Pereiro) , 2012 (Valentín Paz Andrade) e 2013 (Roberto Vidal Bolaño).
A estrutura do portal segue as mesmas directices que a de edicións pasadas: desde a páxina principal do portal podemos acceder a distintos recursos ordenados coas etiquetas: Materiais didácticos, Para saber máis, Bibliografía, Ligazóns, Audiovisual, Actividades dos centros, Arredor de Díaz Castro.

martes, 6 de maio de 2014

Ola a todos desde a Coordinadora de ENDL Deza, Tabeirós e Terra de Montes

Con esta entrada queremos botar a andar unha nova Coordinadora de ENDL. Neste caso trátase de agrupar aos centros de ensino das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes.

O 27 de marzo reunímonos no IES Pintor Colmeiro (Silleda) os coordinadores do ENDL do CEIP Cabada Vázquez (A Estrada), do CEIP Xoaquín Loriga (Lalín), do CEIP da Bandeira e o IES Pintor Colmeiro (Silleda) e do IES Chano Piñeiro (Forcarei) co fin de constituir unha coordinadora comarcal que colaborara coa CGENDL. Tamén se estableceron contactos cos CEIP Nosa Señora da Piedade (Vila de Cruces) e co CEIP A Nosa Señora das Dores (Forcarei).
Para manter unha plataforma de contacto e visibilización das actividades dos centros das comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes decidiuse crear un blogue colaborativo: éste que estades a ver, e establecer unha plataforma de correo para crear unha rede de contactos para eventuais futuras colaboracións entre os equipos da zona. Non será necesario engadir que esta coordinadora está aberta a novas incorporacións.
Tamén se nomeou a Irene Fuentes, coordinadora do CEIP Cabada Vázquez como representante desta ante a CGENDL
Esperamos que este proxecto teña un futuro longo e próspero e sexa unha xanela normalizadora nas terras do centro xeográfico de Galicia.